Buscar neste blog

27/12/2017

Luces de Alén Mar



LUCES DE ALÉN MAR, seis anos de itinerario [2012-2017]

Dende a súa preestrea no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela, no marco do X Pleno do Consello de Comunidades Galegas, o 28 e 29 de xuño de 2012, ata a súa presentación na Casa da Cultura da vila da Baña, durante o pasado mes de novembro, Luces de Alén Mar, no seu periplo por Galicia, exhibiuse en trinta salas e vinte e oito localidades, ao compás da conmemoración do centenario fundacional das Sociedades de Instrución microterritoriais constituídas en América e da apertura das Escolas de Americanos pola xeografía galega adiante. Unha e outra efeméride proseguirán ao longo de dúas décadas máis. Agardamos que os convites para a celebración desta homenaxe colectiva continúen proliferando nos próximos anos e a mostra poida chegar a moitas outras cidades, vilas e parroquias do país. E talvez máis adiante, se a sorte e o bo facer acompañan, teña ocasión tamén de sucar o Mar Océano para recalar na outra banda do Atlántico, dende onde no seu día viñeron as Luces que alumearon a Terra. O fulgor daquelas vellas luminarias aínda escintila, de cando en cando, entre as angueiras educativas cotiás, no ronsel do que fomos e nas somas do imaxinario en común compartido.

 

 
Cartelón anunciando a exposición na súa preestrea

 

Algúns paneis de Luces de Alén Mar na súa primeira presentación



Visitante da mostra no Palacio de Congresos (Secretaría Xeral da Emigración)

 


31/10/2017

Luces de Alén Mar

LUCES na Baña


Inauguración da mostra o venres, 3 de novembro, ás 21:00 horas na Casa da Cultura, antiga escola da Obra Pía de San Vicenzo da Baña, fundada polo indiano Rafael Díaz (1816-1818). Acompañarannos na presentación o profesor Amancio Liñares Giraut e o concelleiro César Ramos Domínguez, promotor da iniciativa. A exposición chega á localidade de Barcala coincidindo con 110 aniversario da constitución da sociedade de instrución [actualmente cultural e benéfica] Unión Barcalesa, que aínda se mantén en activo na Habana.
 




A nova na prensa:

 

El Correo Gallego1

El Correo Gallego2 

El Correo Gallego3

Adiante Galicia 

La Región Internacional

España Exterior




Presenza de LUCES



Luces de Alén Mar permanecerá na vila da Baña durante todo o mes de novembro.

No concello bañés, ademais da escola da Obra Pía, os emigrantes transoceánicos fundaron colectivamente o colexio Cuba, na capital municipal, e a escola de Seoane, na parroquia de San Xoán de Barcala. O colexio Cuba foi sufragado pola sociedade La Baña y su comarca. E a escola de Seoane pola sociedade Unión Barcalesa. Todos estes centros seguen a prestar servizos sociais á súa veciñanza. Beizón para os promotores.




A velada da homenaxe do 3


O venres 3, no acto conmemorativo do 110 aniversario fundacional da «Unión Barcalesa», compartimos mesa e intervención na Casa da Cultura da Baña con César Ramos e Amancio Liñares. César, promotor da iniciativa, centrou as súas palabras na Obra Pía da Baña. E Amancio, nas sociedades de instrución de Barcala, nomeadamente na entidade homenaxeada e no seu legado escolar, facendo un percorrido pola súa traxectoria dende as orixes até a actualidade. Pola nosa parte, glosamos a mostra Luces de Alén Mar e detivémonos nos contidos dos quince módulos que a compoñen. No transcurso da velada, César deu lectura tamén a unha emotiva carta de agradecemento que viña de recibir Amancio da directiva da «Unión Barcalesa» na Habana. Acto seguido procedemos á inauguración da exposición que dende aquel momento quedou aberta ao público que ateigaba a sala onde se acubilla. Alí se manterá durante todo o mes de novembro. Un chanzo máis no seu periplo, que a esta altura supera xa un quinquenio de itinerancia por Galicia. Grazas pola acollida e a complicidade. Continuaremos.




Un texto recuperado

Ligazón ao noso artigo «Desde Alén Mar. Compromiso educativo e solidariedade co futuro da Terra», que apareceu na publicación editada en 2007, pola Asociación para a Solidariedade Alén Mar, baixo a coordinación de José Manuel López Tuñas, co gallo do centenario fundacional da Unión Barcalesa.




 

LUCES en Cova Céltiga da Habana

Crónica da mostra na vila da Baña, aparecida no número 132 do boletín Cova Céltiga, correspondente a novembro-decembro de 2017. A publicación periódica, fundada e dirixida por Felipe Cid Domínguez, vense editando na capital cubana dende hai 23 anos. A esta altura pode considerarse xa un dos voceiros, en formato virtual e impreso, de máis dilatada traxectoria de cantos promoveron os galegos e os seus descendentes na maior das Antillas ao longo dos tres últimos séculos.