Buscar neste blog

27/12/2017

Luces de Alén Mar



LUCES DE ALÉN MAR, seis anos de itinerario [2012-2017]

Dende a súa preestrea no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela, no marco do X Pleno do Consello de Comunidades Galegas, o 28 e 29 de xuño de 2012, ata a súa presentación na Casa da Cultura da vila da Baña, durante o pasado mes de novembro, Luces de Alén Mar, no seu periplo por Galicia, exhibiuse en trinta salas e vinte e oito localidades, ao compás da conmemoración do centenario fundacional das Sociedades de Instrución microterritoriais constituídas en América e da apertura das Escolas de Americanos pola xeografía galega adiante. Unha e outra efeméride proseguirán ao longo de dúas décadas máis. Agardamos que os convites para a celebración desta homenaxe colectiva continúen proliferando nos próximos anos e a mostra poida chegar a moitas outras cidades, vilas e parroquias do país. E talvez máis adiante, se a sorte e o bo facer acompañan, teña ocasión tamén de sucar o Mar Océano para recalar na outra banda do Atlántico, dende onde no seu día viñeron as Luces que alumearon a Terra. O fulgor daquelas vellas luminarias aínda escintila, de cando en cando, entre as angueiras educativas cotiás, no ronsel do que fomos e nas somas do imaxinario en común compartido.

 

 
Cartelón anunciando a exposición na súa preestrea

 

Algúns paneis de Luces de Alén Mar na súa primeira presentación



Visitante da mostra no Palacio de Congresos (Secretaría Xeral da Emigración)