Buscar neste blog

06/02/2018

Luces de Alén Mar


Fai hoxe un lustro
Inauguración de LUCES DE ALÉN MAR no MUPEGA

O mércores 6 de febreiro de 2013 inauguramos a mostra Luces de Alén Mar no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA). Durante a mañá daquel día tivo lugar no centro museístico unha rolda de prensa de presentación dos contidos da exposición, na que participaron o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o presidente do Consello da Cultura Galega, o secretario xeral da Emigración e o comisario da mesma. No serán celebrouse o acto de inauguración oficial no que interviñeron o presidente do Consello da Cultura Galega, o secretario xeral de Cultura, o secretario xeral da Emigración e o comisario da mostra, asistindo un numeroso grupo de xente, chegada de distintas localidades de Galicia. Nas dúas sesións fixemos un percorrido guiado polos 43 paneis que compoñen a produción expositiva, arrequecidos con abundante documentación inédita, xornalística e fotográfica, e complementados con diversos útiles didácticos dos establecementos educativos sufragados polos emigrantes e fontes de variada tipoloxía en torno aos filántropos indianos e ás sociedades de instrución que promoveron no seu día os centenares de colexios espallados por todo o territorio galego. Tamén se dispuxo de dous puntos interactivos e dun sitio web específico sobre as escolas da emigración e os seus artífices para  a consulta directa por parte dos visitantes interesados no tema, así como dun exhaustivo catálogo da mostra en dúas versións e dun tríptico para guiar o percorrido polos quince bloques temáticos nos que esta se estrutura. Cómpre sinalar que o espazo central do museo leva por título «As escolas chegadas de Alén Mar», en lembranza e homenaxe aos emigrantes transoceánicos polo  labor desenvolvido a prol da ensinanza nos seus lugares de orixe. Sendo así, esta sección expositiva permanente integrouse como unha peza cardinal da mostra.

Luces de Alén Mar permaneceu aberta ao público na sala de exposicións temporais do MUPEGA ata o venres 28 de xuño daquel ano, sendo visitada por máis de 3500 persoas, que polo regular lle dispensaron unha magnífica acollida. Grazas a todas elas e ao persoal técnico do museo pola súa colaboración. O itinerario continúa cinco anos despois. 


  












A nova na prensa:

 





A nova na rede:


- Mupega1

- Mupega2

- Mupega3 

- CCG1 

- CCG2

- CCG3 

- Secretaría X. Emigración1

- Secretaría X. Emigración2  

- Portal Inmigración

- Berenguela

- MtN

- Botóns

- dehistoria

- RedAIEP

- Grafosfera 

- SdC Turismo