Buscar neste blog

14/08/2018

Luces de Alén Mar



Ares Indiano
Luces en Ares e Caamouco
No marco das actividades da primeira edición de Ares Indiano, a mostra Luces de Alén Mar recala por segunda vez na vila de Ares e na parroquia de Caamouco. Na capital do concello amosarase a versión en gran formato nas dependencias do Casino Aresano. En Caamouco poderase visitar a exposición en formato reducido na sede da Agrupación Instrutiva, que foi no seu día o colexio da sociedade Redes y Caamouco. A exposición permanecerá aberta ao público entre o 17 e o 19 de agosto. A inauguración da mesma e dos actos de Ares Indiano terá lugar na tarde do venres 17, cun relatorio que presentaremos no Centro Sociocultural e antigo escolar da Alianza Aresana como preámbulo da exposición e das demais propostas festivas, recreativas e culturais programadas para toda a fin de semana. 
 
Detalle gráfico do panel inicial de Luces de Alén Mar






08/08/2018

Emigración


HOMENAXE AOS EMIGRANTES EN TRES TEMPOS
Non é cousa de hoxe o recoñecemento aos emigrantes galegos polo seu labor a prol da modernización e o progreso das súas localidades de orixe. Xa no segundo terzo do pasado século  –e probablemente antes– se levaron a termo accións encamiñadas a render tributo de gratitude aos ausentes pola súas contribucións aos lugares de onde partiran. Pero tales accións concretábanse polo regular máis que na homenaxe conxunta e coral aos que tiveran que irse polo mundo, nunha mostra de enaltecemento aos países que os acolleran, xa fose rotulando unha rúa co seu nome ou entronizando unha virxe de culto popular da outra beira do Atlántico na parroquia galega que correspondese. Certo que non faltaron tampouco dende épocas máis temperás cerimonias laudatorias e memorialistas dedicadas a emigrantes senlleiros que realizaran doazóns filantrópicas aos seus pagos de procedencia (irmáns García Naveira, José García Barbón, Fernando Blanco de Lema, Pedro Murias, irmáns Prieto Pereira, Manuel Barreiro Cabanelas, Ramón Nieto Otero, Agustín Romero García...). Pero non así ao colectivo transterrado no seu conxunto. Facelo supón asumir a emigración como un compoñente histórico-identitario máis do país e das súas xentes, de todos e todas nós, con perfís positivos e negativos e non tan só como testemuño empírico ou indicio dun suposto fracaso individual e mesmo aínda comunitario, conforme foi entendido e interpretado o éxodo en Galicia, por parte dun segmento non minoritario nin marxinal das elites cultas, durante varias décadas, chegando esa visión pesimista e estigmatizante ata os nosos días.

Nas décadas de tránsito entreséculos (XX-XXI) aflorou outra manifestación de enxalzamento dos que estaban fóra baixo a denominación de Festa do emigrante ou Homenaxe aos emigrantes. Por exemplo, Xesús Mato informaba en Galicia Digital o 24 de agosto de 2010 de que varias parroquias e concellos de Galicia lle tributaran durante ese mes «unha agarimosa homenaxe aos emigrantes da Terra». E mencionaba en particular, na provincia de Lugo, as localidades de Mosteiro (Pol), Ferreiros (Sarria), A Fonsagrada, Guitiriz, Becerreá, Busnullán (Pedrafita do Cebreiro), ás que habería que engadir outras tantas nas demais provincias. Algunhas destas conmemoracións festivas ían precedidas ou acompañadas da erección dun monumento no que se materializaba o agarimo do pobo polos que marcharan del. Hai monumentos á emigración en Vigo, Ortigueira, Val do Dubra, A Pobra do Caramiñal, Palmeira (Riveira), Negreira, Fisterra, O Incio, O Porto de Santa Cruz (Oleiros), Ordes... Nuns ponse énfase nas saídas e noutros nos regresos. En ningún, en troques, queda constancia das remesas como achega fundamental dos expatriados que cambiou algo máis que a fisionomía da súa Terra. Festas desta natureza seguen a organizarse cada ano durante a canícula ao longo e ancho de boa parte da xeografía galega.

No último lustro cristalizou en Galicia outra variante evocativa da emigración, desta volta baixo o topónimo do lugar da celebración acompañado do xentilicio «indiano», salientando –agora si– cando menos implicitamente os retornos e a condición exitosa dos retornados, canda o lugar en abstracto onde estiveran emigrados (as Indias Occidentais, na súa denominación inveterada). Trátase desta volta de ofrecer unha perspectiva optimista e mesmo favorable e xubilosa do fenómeno migratorio, facendo énfase no impacto que os seus axentes protagonistas deixaron naquela Galicia rural e arcaica da que saíran e á que moitos acabaron volvendo, ben fose fisicamente ben nalgunha das múltiples modalidades de retorno simbólico que a vida lles deparou. A idea inicial tomara corpo con anterioridade e acerto en Asturias e Cantabria, baixo a rúbrica de  Feria de Indianos ou Día del Indiano. E xa en 2014 a experiencia trasladouse a Ribadeo, quizabes pola permeabilidade fronteiriza e a veciñanza cos municipios pioneiros, onde a principios de xullo deste ano 2018 se levou a termo a quinta edición do acreditado e multitudinario Ribadeo Indiano. No ecuador deste mes de agosto no que andamos a iniciativa vaise poñer en practica por vez primeira no concello de Ares, discorrendo os actos simultaneamente en dúas sedes: a vila capital do municipio e a parroquia de Caamouco, unha e outra con abundantes vestixios ben visibles do periplo americano das súas xentes.

Esta variante rememorativa que agora se ensaia comporta innovacións notables respecto das anteriores, tanto pola diversificación de actividades que contén como pola transversalidade participativa que a caracteriza. Non se trata xa dun acto puntual nunha única data, senón dun conxunto variado de actuacións destinadas a todos os segmentos de poboación, coas que se pretende contribuír á dinamización cultural comunitaria e á promoción turística da localidade concernida e da súa contorna, servíndose a tal efecto do patrimonio material e inmaterial legado pola emigración transoceánica (non só polos indianos na acepción concreta e estrita do termo) como centro de interese ou factor catalizador da programación deseñada. O panel de actividades ofertadas configúrase, entre outras propostas, con exposicións conferencias e relatorios, concertos musicais, representacións teatrais e performances de  época, proxeccións audiovisuais, visitas guiadas a lugares de interese pola presenza neles da pegada dos ausentes, degustacións gastronómicas, mercados de produtos típicos ultramarinos e coloniais, obradoiros, xogos populares e tradicionais e todas cantas invencións e prácticas de lecer a imaxinación e o enxeño permitan acomodar ao referente temático amentado.

De cara a un porvir máis ou menos inmediato conviría ir tecendo unha rede galega cos concellos que se sumaran á experiencia para favorecer a programación e realización de actividades conxuntas de forma coordinada, aproveitando as sinerxías que de tal proceder se derivarían. Desa imbricación reticular poderían dimanar actuacións ao longo de todo o ano e non unicamente nunhas datas sinaladas que contribuíran a difundir entre propios e foráneos o acervo cultural xerado pola emigración, que tantas veces pola súa presenza cotiá ao pé do camiño pasa desapercibido para cantos a carón del transitan.

Co horizonte no medio prazo ou aínda no curto, segundo acordasen as corporacións involucradas, a malla galega de concellos indianos no seu conxunto ou cada un dos seus compoñentes por separado deberían sumarse á Red de Municipios Indianos del Cantábrico, tamén coñecida como Indianos del Norte, cuxa constitución se formalizou en outubro de 2015 e da que forman parte na actualidade os municipios de Ribadedeva e Boal (Asturias), Comillas e Medio Cudeyo (Cantabria) e Pradoluengo (Burgos – Castilla y León). Resulta difícil de entender e explicar que despois de tres anos en activo aínda non forme parte desta organización ningún municipio galego. Como tamén sorprende que non se tentara ata o día de hoxe un achegamento entre os termos municipais de Galicia cun pasado común compartido en materia migratoria na súa variante transoceánica e, xa que logo, cun ronsel cultural tamén mancomunado procedente ou derivado desa proxección humana alén do Atlántico. O camiño está aberto e se Ribadeo e Ares foron quen de poñeren os primeiros chanzos, logo poderán engadir novos estribos no itinerario concellos con tanta tradición ultramarina como Viveiro e Vilalba, Ortigueira e Betanzos, O Carballiño e Ribadavia, ou A Estrada e os do Val Miñor, por citar só a voa pluma algúns casos entre moitos outros que cabería mencionar pola súa significación neste ámbito.

Asumir o pasado e festexar colectivamente canto nel hai de conmemorable é unha fórmula idónea, saudable e compracente de reconciliarnos con nós mesmos e dende o pouso do que fomos encarar o porvir. Pola contra, renunciar a facelo supón desbotar a herdanza recibida e renegar do legado dos nosos devanceiros. A escolla, pois, semella a todas luces doada.