Buscar neste blog

09/10/2018

Remesas


Un entre mil

Castelao, testemuña do seu tempo
Regreso do indiano (1918). Colección de Arte Afundación


Fai un século. A representación idealizada dos retornos nos ollos e os pinceis do inmortal Castelao, sempre atento a espreitar e converter en arte, con habelencia e acuidade, o rebulir social da época que lle tocou vivir.
  


02/10/2018

Aulasfóra


De novo no MUPEGA
Memorias compartidas e aveños do oficio
Seguindo a tradición dos últimos anos, na tarde solleira deste martes 2 de outubro –Día Internacional da Educación Social– fomos visitar o Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) co alumnado de primeiro curso do Grao de Pedagoxía e o de segundo do Grao de Educación Social. Unha experiencia de inmersión intuitiva no legado material da escola que habitou o noso país no tránsito de tres séculos. Para algúns era o seu encontro iniciático coa casa común da memoria escolar galega. Outros xa tiveran ocasión de coñecela en etapas formativas previas. Todos e todas vírona con outros ollos. Os que se van abrindo dende o coñecemento e a sensibilidade que espertan as materias que están a cursar nas súas respectivas titulacións. Probablemente a visita fose tamén un chanzo para aprender a pensar histórica e pedagoxicamente a realidade educativa actual, alén de presentismos ofuscantes e deturpadores. Ese é, cando menos, o propósito primordial que nos guía ao compartir co estudantado nas aulas as disciplinas Educación e Sociedade en Galicia e Historia da Educación Social. O tempo dirá se as arelas se cumpren e en que medida o fan. 

Unha vez máis, grazas a todo equipo humano do MUPEGA pola súa cálida acollida e particularmente á historiadora Susana Alonso Lorenzo, técnica da Área Didáctica do centro, que nos guiou con mestría polas distintas salas da exposición permanente.