Buscar neste blog

16/03/2019

Aulasfóra


Fin de ciclo
A derradeira visita académica ao MUPEGA





Xusto ao cabo de vinte anos de ter emprendido a singradura dun apaixonante proxecto que chegou a feliz termo, o pasado venres 15, concorrín co alumnado da materia Persoas maiores, memoria comunitaria e patrimonio educativo do Máster Universitario de Investigación en Educación, Diversidade Cultural e Desenvolvemento Comunitario a unha visita guiada ao MUPEGA, que probablemente sexa a derradeira destas características. Van alá case tres lustros dende a inauguración do centro museístico e ano a ano, cun pequeno hiato de apenas un bienio, acudín a el cada curso, unha ou dúas veces por tempada, cos estudantes de grao e de máster co propósito de seguir aprendendo na que sempre consideramos casa común da memoria educativa galega. Grazas a cantos no MUPEGA, antes ou despois, compartiron comigo arelas, traballo e ilusións. Tamén desalentos, desencantos e decepcións. De todo houbo como na propia vida na xénese e traxectoria do noso memorial da educación. Pero as aprendizaxes adquiridas, man con man, amansando e brunindo os atavíos seculares do ensino vernáculo, ninguén nin nada poderá anoxalas. Pagou a pena, pois. Deica outra, porque a vida ten que continuar brindándonos experiencias gratificantes e enriquecedoras alén dos imperativos laborais que até agora viñeron marcando o decorrer do calendario. O tempo dirá se a decisión que tomo está a ser acertada ou non. O que nunca me refutará o porvir é que foi madurecida e ponderada con acougo no tránsito de cada día.


 


Desta volta, a visita conxunta ao MUPEGA detívose nos espazos dedicados ás escolas da emigración, vinculados pola súa temática á cerna do seminario «De centros escolares a lugares de memoria. As escolas de americanos en Galicia como axencias ao servizo da posta en valor da cultura emigrante e do desenvolvemento comunitario a escala local», un dos dous que engrosan a devandita materia do máster, e percorreu tamén a magnífica exposición temporal «Homo sapiens, transmisor decoñecemento. Saberes humanos a través do patrimonio nos Institutos Históricos de Galicia» que se inaugurou o pasado 18 de xaneiro. Guiounos na visita o asesor técnico do museo, Antonio Cepeda Fandiño, comisario da devandita mostra canda a directora do centro Beatriz Seco González. Moitas grazas pola acollida e polo acompañamento que coma noutras oportunidades estivo ilustrada con abundantes informacións e anécdotas, así como con demostracións prácticas que espertaron o interese do alumnado, convidándoo a novas visitas nun futuro quizabes non tardío.













Ningún comentario:

Publicar un comentario