Buscar neste blog

21/12/2022

Por Nadal

125 anos despois

De nós na Habana

Á morriña gastronómica dos nosos emigrados téñome referido en distintas ocasións, nomeadamente na presentación da mostra Luces de Alén Mar nalgúns dos moitos lugares que leva percorrido. Sempre escollendo a maneira particular que tiñan de celebrar nos parques e xardíns dispostos ao efecto os actos de festa e comensalidade as diferentes pequenas asociacións de raíz galega que ateigaban algunhas das capitais da outra beira do Atlántico, precisamente de onde tomaban os nomes os produtos ultramarinos e coloniais que por acó chegaban e que se ofrecían nas tendas e comercios do país con eses mesmos nomes xenéricos tan exóticos, gráficos e sonoros, pero tamén tan comúns que nin sequera nos incitaban a preguntármonos sobre a súa orixe.

Dando continuidade a ese relato disperso e itinerante que vin construíndo por un lado e por outro, hoxe rescato e difundo un texto ben acaído para as datas nas que andamos, escrito en lingua galega (ou algo así), o que non era moi habitual daquela neste xénero xornalístico en ningún contexto, e inserido nas páxinas do semanario galaico-habaneiro El Eco de Galicia, na súa edición do 18 de decembro de 1897, fai pois cento vinte e cinco anos. Nel, canda a nostalxia dos padais vernáculos e transoceánicos, publicítanse varios negocios de comestibles e doutros sectores rexentados por diversos conterráneos, aos cales se recomendaba recorrer, ben para fornecerse como correspondía en festas tan sinaladas, e dun xeito moi especial na xornada de Noiteboa, ou ben para dispoñer doutros servizos, mesmo financeiros, e desfrutar da celebración a esgalla, botando a casa pola ventá. Daquela coma hoxe, en días singulares coma os de nadal había solución para todo, incluso recorrendo ao empeño –sempre que houbese algo que empeñar, claro está– logo xa a providencia dos deuses asistiría co seu maná se fose mester.

Todos eles preséntanse como os establecementos de «máis creto e millores» por gozar de grande e contrastada popularidade conforme se tiña anunciado e pregoado en numerosas ocasións.

O anónimo propagandista vai facendo un seguimento dos negocios, que comeza por orde cronolóxica, nas horas preparatorias da noite máis entrañable do ano, ao sentir de moitos, e que se vivía en terras caribeñas con especial fervor e intensidade emocional, saturada de gratos recordos familiares e comunitarios previos ao tránsito migratorio.

Dende a amencida principiaba o boreo e para todo se ofrecía doada solución e satisfactorio remedio. Ben se ve que dunha pavera propaganda brincadeira se trataba. Cunha pinga de ocorrencia había que encher o tempo e cubrir as páxinas do xornal ás portas de días de fartura e algueirada.

Vai deseguido para deleite de todos o texto evocado.

Felices festas coa memoria de século e cuarto de distancia e o Mar Maior por medio!!!

El Eco de Galicia, 24-12-1897


 

Diario de la Marina, 24-12-1920


PRA NOITE BOA

Pra Noite Boa temos unha listiña d’os estabrecimentos de mais crêto e millores, pois a popularidade qu’eles teñen xa foi dito moitas veces.

Pol-a mañan, cando unha presoa sâl d’a sua camiña, ben pode meter n-a sua gorxa chocolate de Matías López, mercándoo n-a chouza de don Ramón Romagosa, quen tamen recibeu gran surtido de comastibres pra Páscoas.

Oubrapía e Compostela.

Dempois, xa arregladiño, pode sair a cambear cartos n-a Pirmeira de Monserrat, d’o noso bon amigo Xan A. Monteiro; e si quer felicitare os seus compañeiros, pode tamen comprar alí os sellos pra votal-as cartas n-o correyo.

Chegada a hora da pirmeira xantada, corra ô depóseto de viños d-os siñores Romeiro e Montes, que teñen pra noite boa; tamén recibiron queixos, xamós, lacós, chourizos e demais cousas subrimes, según din os gastronoumistas.

O compañeiro Reigosa, que ten un posto de frutas d’o País, de California e de España, terá aberto seu cuchitril ó día de noite boa, praza d’o Vapore, númaro corenta e dous frente a-o café O Imperial. ¡Alí sí que hai cousas boas!

O Almacen de víveres d’o noso enxebre amigo don Pedro Díaz, Corrales e Suárez, e á fror d’o Barrio pol-os seus artícos ben arregladiños e sabrosos.

Nosos compañeiros teñen donde encherse.

Manoeliño Neira, que chegóu d’a terriña fai pouco tempo, púxose de cantiñeiro n-o café de Indio e Monte, pra resucitare aquela boa colleita.

Bôs años, meu amigo!

Don Ignacio Durán, gallego de proveito e muy enxebre, ten n-a calle de Corrales e Suárez unha fonda, que vale moito po-l-os traballos d’os seus limpos e buniteiros cociñeiros.

O día de Noite Boa botan a casa pol-a ventana.

Quen non teña diñeiro n-os días d-a festa, pode empeñar’o que teña empeñabre, n-a Cabana, d-o excelente galego J. López, a mais antiga casiña de tal xiro, crabada n-a calle de Groria e Figuras.

Tamén temos unha boa casa de tabacos chamada ‘a populare frábica, O Gremio, d’o comprovinciano Vicente Arizaga, quen quer vendel-a casa pra loitar n-a sua terra, –ésto pagádolle o tripe d-o que lle custou,– pois si non, non!

E que fagan bon proveito as recomendaciós, paisaniños enxebres.

El Eco de Galicia. La Habana, nº 808, 18-12-1897, p. 6

El Eco de Galicia, 24-12-1898