Buscar neste blog

11/05/2023

Letras galegas

De acó e de acolá

Don Paco del Riego con nós en Compostela

En xullo de 1992, nas vésperas das festas grandes patronais de Santiago, celebramos na sala de xuntas do edificio central da antiga Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación, sede actual no Campus Vida da Facultade de Ciencias da Educación da USC, un curso de verán que tiven a honra de dirixir, titulado Galicia-América: relacións históricas e retos de futuro. O evento académico estaba organizado pola Vicerreitoría de Política Cultural en colaboración co Comisionado Director do V Centenario en Galicia. Precisamente, o curso, pola súa temática, encadrábase dentro das actividades conmemorativas do cincocentos aniversario da descuberta do Novo Mundo. Nel interviñeron como conferenciantes unha decena de relatores dunha e doutra banda do Atlántico. Entre eles figuraba D. Francisco Fernández del Riego, quen nos falou aos asistentes sobre «Os nexos culturais e intelectuais entre as dúas Galicias», un tema que el coñecía de preto e en primicia por propia experiencia e do que fora un protagonista mediador central ao longo de máis de medio século, durante as décadas pavorosas e sombrizas.

 

      Presentación de Fernández del Riego [21-7-1992]



Primeiras liñas do resumo da intervención de Francisco Fernández del Riego

Ao ano seguinte (1993) publicáronse as actas daquela actividade de extensión universitaria, nunha obra que levaba o mesmo título có curso editada pola Secretaría Xeral para as Relacións coas Comunidades Galegas da Xunta de Galicia. A publicación, que inauguraba a serie Galicia Exterior, estaba encadernada en rústica con tapa branda e coñeceuse en termos coloquiais nos círculos académicos e de proximidade como o libro amarelo. E isto por dúas razóns: a primeira delas ben visible, posto que obedecía á cor da cuberta da obra, toda ela dun áureo luminoso moi intenso, apenas alterado polos rótulos algo máis tenues identificadores do texto; a segunda viña representar unha sorte de aceno garuleiro ou unha pavera brincadeira amigable na honra do titular do departamento autonómico que financiara a súa edición, o por min sempre recordado Fernando Amarelo de Castro, quen patrocinara tamén a impresión dos meus primeiros libros un par de anos antes (1991). Como curiosidade bibliográfica debo engadir que do denominado libro amarelo houbo outra segunda tiraxe, reducidísima en número de exemplares, gorecida en tapa dura e símil pel de cor azul mariño; dela dificilmente se atopará a esta altura algún exemplar nas bibliotecas nin tampouco no mercado de segunda man. Pola contra, a variante en rústica distribuíuse masivamente entre as bibliotecas públicas de Galicia, as principais de España e aínda algunhas de Europa e América.

Portada do libro amarelo

 
Portada da edición especial da obra Galicia-América

Pero aquí traio agora a esta palestra de ronseis e memorias esa produción como humilde, singular e persoal homenaxe a Don Paco del Riego, no día das Letras Galegas que a el xusta e merecidamente se lle dedica este ano, dunha banda, pola súa condición de impulsor fai seis décadas da iniciativa desta data tan sinalada do 17 de maio, xornada á par de enxalzamento e vindicación; e doutra e por riba de todo, polo inxente e variado labor literario que desenvolveu como auténtico polígrafo ao longo da súa duradeira e por veces moi atribulada existencia, sen esquecer ademais toda a súa persistente e prolixa actuación como xestor e axente dinamizador cultural dende distintos organismos, instancias e responsabilidades. Del escribía no Limiar da obra á que aquí veño referíndome, como presentación da súa achega, estas palabras que logo recollería ao pé da letra algún medio da prensa para a emigración ao glosar aquela heteroxénea compilación de relatorios: «Cunha óptica máis totalizadora, o escritor Francisco FERNÁNDEZ DEL RIEGO fai un exercicio de revisión e lembranza verbo dos nexos intelectuais e culturais entre a Galicia do interior e a do exterior, brindándonos un fermoso discurso impregnado de evocadora emoción, no que asoma ou máis ben se adiviña o latexar das propias vivencias que, sen embargo, en ningún momento emerxen a un primeiro plano para se converter en protagonistas de seu. Tanto ten, porque todos sabemos do importante papel que D. Paco FERNÁNDEZ DEL RIEGO asumiu en épocas difíciles  e escuras, co firme propósito de fortalece-los entón febles lazos de unión entre os dous grupos humanos da Galicia esgallada».

Comezo do orixinal da conferencia pronunciada por Del Riego

Fiquen estas verbas de outrora como renovado testemuño de gratitude e enaltecemento a quen nos deixou un rico e fértil legado de vida e obra como camiño permanente de aprendizaxes, en ocasións por rutas incertas ou aínda atormentadas, e faro guieiro na procura de esperanzados horizontes para este país chamado Galicia e as súas xentes espalladas pola terra enteira e cada un dos seus numerosos mares. El ocupará para sempre polos méritos colleitados no río do tempo un lugar destacado no olimpo dos bos e xenerosos da patria que tanto amou e á que tanto lle entregou.

Sinatura de Don Paco