Buscar neste blog

19/03/2018

Luces de Alén Mar



Luces de Alén Mar na UVigo
Inauguración da mostra en Pontevedra


Hoxe luns, 19 de marzo, quedou inaugurada e aberta ao público a exposición Luces de Alén Mar. As Escolas de Americanos en Galicia na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do Campus de Pontevedra, da Universidade de Vigo, onde permanecerá ata o vindeiro día 23. Na sesión inaugural, presidida polo vicerreitor Juan Manuel Corbacho Valencia, pronunciamos unha conferencia sobre os contidos da mostra, dirixida principalmente ao alumnado, estando presentes tamén varios membros do profesorado e da dirección do centro. Os actos foron organizados e coordinados polo profesor Jorge Soto Carballo, antigo alumno noso, compañeiro no grupo de investigación Terceira Xeración e sobre todo gran amigo. Moitas grazas Jorge por facer posible que Luces continúe o percorrido por Galicia adiante na súa sétima anualidade.



15/03/2018

Aulasfóra

 

De volta no MUPEGA

Unha tarde aprendendo



Na tarde de hoxe xoves, 15 de marzo, visitamos novamente o MUPEGA, nesta ocasión co alumnado da materia Persoas maiores, Memoria comunitaria e Patrimonio educativo, do Máster Universitario de Investigación en Educación. Diversidade Cultural e Desenvolvemento Comunitario, que impartimos na Área de Teoría e Historia da Educación da USC. A visita centrouse fundamentalmente na área museográfica dedicada ás Escolas chegadas de Alén Mar. Dita área está directamente relacionada cos contidos tratados no seminario «De centros escolares a lugares de memoria. As escolas de americanos en Galicia como axencias ao servizo da posta en valor da cultura emigrante e do desenvolvemento comunitario a escala local» que forma parte da citada materia do máster e do que somos responsables docentes. A visita rematou cun percorrido pola exposición temporal «O mundo nas mans. Cartografía escolar dos séculos XIX e XX».

Trala sesión académica, os alumnos e as alumnas opcionalmente visitaron pola súa conta a sección das aulas históricas e a sala da Rede MUPEGA.

Moitas grazas pola acollida e os nosos parabéns á técnica da área de didáctica do Museo, Silvia Veiga Salgado, que nos acompañou e guiou durante todo o itinerario polas instalacións museísticas.

No MUPEGA permaneceu durante case cinco meses a mostra Luces de Alén Mar no ano 2013.