Buscar neste blog

28/06/2022

Luces de Alén Mar

Rememorando

Unha mostra con unha década cumprida

Tal día coma hoxe, o xoves 28 de xuño de 2012, preestreábase en Santiago de Compostela, no marco do X Pleno do Consello de Comunidades Galegas, celebrado no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, a exposición Luces de Alén Mar. As Escolas de Americanos en Galicia, que levaba como subtítulo o referente motivador da iniciativa: «No centenario fundacional das Sociedades Galegas de Instrución radicadas en América e das súas realizacións académicas nas localidades de procedencia». A súa organización correspondeulle en conxunto ao Arquivo da Emigración do Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia. Alí permaneceu durante os dous días de realización do plenario ao dispor, en primicia, dos participantes no mesmo como representantes das asociacións galegas espalladas por todo o mundo e integrantes como membros de feito e dereito do citado Consello. Co gallo desta presentación auroral editouse tamén a primeira versión do catálogo da mostra, composto pola totalidade dos seus paneis e senllas presentacións asinadas polo presidente do Consello da Cultura Galega naquela altura, Ramón Villares [«Luces de Alén Mar e abrentes escolares de esperanza»], o secretario xeral da Emigración, tamén por entón, J. Santiago Camba Bouzas, e o comisario da exposición, Vicente Peña Saavedra [«O compromiso educativo co futuro da Terra»]. O traballo de documentación correu a cargo de Carolina García Borrazas e Mª Teresa García Domínguez, documentalistas do Arquivo da Emigración, ademais do propio comisario. Cerca dunha trintena de institucións e particulares colaboraron con achegas gráficas, hemerográficas e arquivísticas para facer posible a materialización do proxecto, responsabilizándose do deseño a empresa Imago Mundi e correndo a impresión por conta de Alva Gráfica. Superada unha década, a mostra permanece en activo, sendo ata o momento a máis lonxeva das promovidas e realizadas no ámbito do Consello da Cultura Galega e da Secretaría Xeral da Emigración.