Buscar neste blog

07/02/2023

Memoria

Un cuarto de século

Primeira exposición sobre as escolas dos emigrantes galegos radicados en Cuba

Baixo o título Os centros educativos dos cubanos. Memoria gráfica, entre os días 5 e 7 de febreiro de 1998 instalouse no Paraninfo da Universidade de Vigo, co gallo do congreso internacional O significado do 98 na historia cubana e española. A súa transcendencia nas relacións Galicia-Cuba, unha mostra monográfica con fondos escolmados da miña colección privada e por min comisariada dende o Arquivo da Emigración Galega. Exposición e Congreso estaban organizados e promovidos polo Consello da Cultura Galega e a propia institución universitaria do sur de Galicia. Dez anos despois, a mostra con diferentes denominacións iniciou un pequeno percorrido por Galicia, recalando en localidades como Burela (2008), A Veiga (2009), Mugardos (2010) e Negreira (2010-2011). O contido da exposición estruturábase en dous bloques temáticos cos rótulos O legado dos indianos e A obra das sociedades de instrución. O primeiro conformábano 10 imaxes históricas e recentes. E o segundo 48 de similares características, todas elas anteriores a 1995. En total 56 instantáneas doutras tantas escolas custeadas con capital reunido polos emigrantes galegos na Gran Antilla, ben de maneira individual por parte dos filántropos emigrados ou ben de forma corporativa polas sociedades de instrución, ademais da reprodución de dous emblemáticos gravados icónico-verbais dunha das asociacións, cunha colosal carga alegórica, con lemas e motivos referentes á vivencia identitaria colectiva dende a distancia e ao compromiso comunitario coa terra de orixe dos integrantes da mesma agrupación. Para servirlles de guía aos visitantes publicouse un folleto de 12 páxinas que incluía os datos básicos de cada unha das reproducións fotográficas, precedidos dun pequeno limiar, varios distintivos sociais e unha mínima escolma de textos das entidades educativas da diáspora. Unha copia íntegra da mostra custódiase arestora no Arquivo da Emigración, que na actualidade se atopa emprazado en dependencias da Cidade da Cultura, no monte Gaiás da capital de Galicia. O repertorio fotográfico constitúe un testemuño visual dunha realidade que nalgúns casos, lamentablemente, xa esmoreceu ou mesmo desapareceu e noutros, por fortuna, permanece en pé e aínda en mellores condicións e con usos máis acaídos dos que tiña daquela. Que sexa por moitos anos máis para beneficio de todos, como o quixeron os seus patrocinadores e cantos logo os secundaron e contribuíron a manter vivo o seu legado, símbolo perenne de xenerosidade e compromiso social.

Portada da Guía – Catálogo da exposición