Memoria
Un cuarto de século
Primeira exposición sobre as escolas dos emigrantes galegos radicados en Cuba
Baixo o título Os
centros educativos dos cubanos. Memoria gráfica, entre os días 5 e 7 de
febreiro de 1998 instalouse no Paraninfo da Universidade de Vigo, co gallo do
congreso internacional O significado do 98 na historia cubana e española. A
súa transcendencia nas relacións Galicia-Cuba, unha mostra monográfica con
fondos escolmados da miña colección privada e por min comisariada dende o
Arquivo da Emigración Galega. Exposición e Congreso estaban organizados e
promovidos polo Consello da Cultura Galega e a propia institución universitaria
do sur de Galicia. Dez anos despois, a mostra con diferentes denominacións iniciou
un pequeno percorrido por Galicia, recalando en localidades como Burela (2008),
A Veiga (2009), Mugardos (2010) e Negreira (2010-2011). O contido da exposición
estruturábase en dous bloques temáticos cos rótulos O legado dos indianos
e A obra das sociedades de instrución. O primeiro conformábano 10 imaxes
históricas e recentes. E o segundo 48 de similares características, todas elas
anteriores a 1995. En total 56 instantáneas doutras tantas escolas custeadas
con capital reunido polos emigrantes galegos na Gran Antilla, ben de maneira
individual por parte dos filántropos emigrados ou ben de forma corporativa polas
sociedades de instrución, ademais da reprodución de dous emblemáticos gravados icónico-verbais
dunha das asociacións, cunha colosal carga alegórica, con lemas e motivos referentes
á vivencia identitaria colectiva dende a distancia e ao compromiso comunitario coa
terra de orixe dos integrantes da mesma agrupación. Para servirlles de guía aos
visitantes publicouse un folleto de 12 páxinas que incluía os datos básicos de
cada unha das reproducións fotográficas, precedidos dun pequeno limiar, varios distintivos
sociais e unha mínima escolma de textos das entidades educativas da diáspora. Unha
copia íntegra da mostra custódiase arestora no Arquivo da Emigración, que na
actualidade se atopa emprazado en dependencias da Cidade da Cultura, no monte Gaiás
da capital de Galicia. O repertorio fotográfico constitúe un testemuño visual
dunha realidade que nalgúns casos, lamentablemente, xa esmoreceu ou mesmo
desapareceu e noutros, por fortuna, permanece en pé e aínda en mellores
condicións e con usos máis acaídos dos que tiña daquela. Que sexa por moitos
anos máis para beneficio de todos, como o quixeron os seus patrocinadores e
cantos logo os secundaron e contribuíron a manter vivo o seu legado, símbolo perenne
de xenerosidade e compromiso social.
Ningún comentario:
Publicar un comentario