Buscar neste blog

19/10/2017

Folerpas de Cuba


Recuperando a comunicación

Por unha desas felices casualidades que a vida nos vai deparando, estes días pasados, mestres traballabamos na coordinación das actividades do convenio entre a USC e a U-Artemisa, retomamos a comunicación electrónica con Inés Vega, unha das persoas que promoveu o encontro cultural galego na cidade de Artemisa en 2012, como responsable do proxecto sociocultural «Ramas y Raíces Ibéricas»  da sociedade Ferrol y su Comarca. O mundo é moito máis pequeno do que pensamos e as xentes estamos tamén máis pretas do que presumimos. Inés e o seu marido, Alberto Hernández, foron dous dos informantes que participaron no traballo de campo do noso proxecto «Galicia Mundi: actualidade e prospectiva do asociacionismo galego no exterior. Os retos en materia educativa, social e cultural», durante a estadía que realizamos na Habana en febreiro daquel ano. Ámbolos dous recibíronnos como xenerosos anfitrións no seu fogar e acompañáronnos a visitar a Feira Internacional do Libro de Cuba na Fortaleza de San Carlos de La Cabaña. Alí fomos entrevistados para un programa cultural de Habana Radio, emisora da Oficina del Historiador de La Habana, tendo así oportunidade de dar a coñecer o noso proxecto na illa. Moitas grazas pola vosa hospitalidade, Inés e Alberto, aínda que a ninguén se lle oculte que este recoñecemento chegue ou, máis ben, se faga público xa un chisco tarde. Cousas que ten a vida. 


Entrevista con Inés Vega e Alberto Hernández


Entrada á Feira Internacional do Libro de Cuba


Preparando a entrevista de Habana Radio

Ningún comentario:

Publicar un comentario